O PP de Galicia, utiliza o goberno na Xunta, a través da Consellería de Política Social, para facer propaganda partidista a conta dos Concellos, ó tempo que abusa e dificulta o traballo municipal ó cargalos cos custos do SAF e doutras competencias sociais autonómicas.
O roteiro da Conselleira de Política Social, Fabiola García polos municipios gobernados polo Partido Popular, e coa colaboración deses gobernos locais – que, ó temp,o son vítimas da mesma política social que o seu partido leva a cabo dende a Xunta de Galicia – é unha estratexia pola que “os concellos agradecen a inversión da Xunta no SAF”, nun claro uso partidista das institucións. Xuntanzas propagandísticas en Rois, Touro, Boqueixón, Teo…
Tras o acordo coa FEGAMP para aumentar a inversión da Xunta de Galicia no financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que xestionan os municipios, pretenden dar a imaxe de responsabilidade na xestión e favor ós Concellos.
O lamentable papel das sucursais municipais do Partido Popular nesta campaña, agradecendo unha actualización de financiamento que chega logo de 10 anos conxelada, e que continúa aínda agora sen responder ás obrigas da Xunta de Galicia cos servizos do SAF, perpetrando o déficit do seu financiamento, e obrigando ós gobernos locais a destinar os escasísimos recursos municipais a afrontar os costes dese servizo esencial, é unha mostra de caciquismo e da parasitación que o Partido Popular fai das institucións públicas, así como de nulo respecto pola Xestión Pública e a co-responsabilidade institucional.
O aumento da inversión anunciada continúa sen chegar a cubrir o custo do servizo, sendo este competencia da Xunta. Este déficit do aporte da Administración Autonómica supón unha presión económica sobre os Concellos, xa de por si moi limitados para afrontar os custos dos servizos de prestación municipal, e un atranco á súa capacidade de desenvolver políticas públicas propias, atándolle as mans a unha obriga imposta polos incumprimentos da Xunta de Galicia.
Na realidade, o PP de Galicia, a Conselleira de Política Social e a Xunta de Galicia deberan agradecerlle ós Concellos o esforzo de afrontar cos fondos propios os custos e a organización do Servizo de Axuda no Fogar, e non só ós Concellos gobernados polo PP, se non a todos os Concellos galegos.
Agora Galicia apuntamos á necesidade de que cada Administración pública cumpra realmente coas obrigas do seu ámbito competencial, así como a necesidade de mellorar o sistema de financiamento dos Municipios.
