Agora Galicia constitúese como espazo de encontro de candidaturas municipalistas galegas co obxectivo de seguir medrando como cuarto espazo político do País
Candidaturas das catro provincias galegas propoñen un modelo de coalición, con autonomía local, para sumar votos cara as Deputacións e compartir experiencias de traballo municipal
As candidaturas de Agora Galicia configúranse como espazos locais plurais de defensa da mairía social fronte a onda reaccionaria global
Galicia, 10 de abril de 2026.
O vindeiro 25 de abril, candidaturas municipalistas de toda Galicia reúnense en Chantada para seguir traballando nunha confederación de proxectos locais cara as Municipais de 2027.
Dende o primeiro encontro realizado en marzo de 2025, sumáronse máis espazos locais ao proxecto, que se darán cita nunha xornada na que se propón definir o modelo de concorrencia ás Eleccións Locais de 2027. Proponse un modelo de coalición creada especificamente para as Municipais de 2027 e con ampla autonomía local, estando aberta a incorporacións.
A coalición permite o mantemento de siglas locais e a capacidade das candidaturas de chegar a acordos con outras forzas políticas e sociais a nivel local ou de partido xudicial. Permite a optimización do voto popular, sumando votos en cada partido xudicial, de cara á elección das Deputacións, e preserva a capacidade de decisión nas localidades, tanto nas súas finanzas coma na designación de representantes supramunicipais.
Asemade, as candidaturas municipalistas dótanse dunha Coordinadora – integrada por unha persoa representante de cada localidade –, e un Código Ético común.
Cremos firmemente na cooperación dos proxectos de base e cos movementos da cidadanía para, desde os concellos, poidamos construír unha ferramenta plural ao servizo do país, partindo da base de que só coa expansión do espazo político galego é posible un cambio de rumbo en Galicia aumentando a pluralidade política e o entendemento entre as forzas transformadoras e para mobilizar abstencionistas, xente descontenta co escenario político actual de crecente desafección, e a convencer votantes doutras forzas de que hai unha alternativa galega construída por veciñas e veciños sen dogmatismos nin hipotecas.
Temos mirada e horizonte propio, pero coas xanelas abertas ao diálogo co fin de chegar a puntos de encontro coas forzas políticas e sociais e, sobre todo, co conxunto do tecido social de base e coa cidadanía do noso país acompañando as súas arelas e necesidades e loitando por defender os servizos sociais e por un futuro mellor para Galicia
Por outra parte, nun momento tan complexo a nivel global, as candidaturas municipalistas sitúanse claramente contra a vaga reaccionaria global, poñéndose na vangarda da loita por un mundo máis xusto e contra a mudanza climática dende as institucións locais.
Os documentos a debate na xornada complétanse con resolucións contra a guerra e a favor de acordos amplos para evitar unha vitoria da ultradereita nas vindeiras Eleccións Xerais.
Nun cadro tan sombrío e complexo nen que dicir ten que o contributo de Agora Galicia ten que ser organizar a cidadanía máis activa e consciente dos nosos concellos e facer ver desde un municipalismo coherente e honesto que hai alternativa a esta deriva política autoritaria e antisocial, que apenas favorecerá os privilexios dos ricos e a degradación das sociedades e dos territorios. Igualmente, non abonda con rexeitar o espolio territorial e o acaparamento de terras, mais cómpre incidir nas alternativas.
Aquí poden verse os textos a debate no encontro: textos.

