Categorías
confederación

Constituída Agora Galicia en Chantada

A confederación de proxectos municipalistas galegos avanza con forza e ilusión cara as Municipais de 2027.

Neste momento tan difícil, manter e facer avanzar proxectos municipalistas arraigados na comunidade é un dique contra a internacional do odio”.

27/abril/2026

O pasado sábado 25 de abril constituíuse formalmente en Chantada Agora Galicia, confederación de proxectos municipalistas galegos.

Nun ambiente de ilusión e irmandade, máis de 30 candidaturas municipalistas e espazos locais de toda Galicia aprobaron por unanimidade os documentos propostos pola coordinadora provisional xurdida da primeira xuntanza o ano pasado.

As persoas presentes asumiron un Código Ético, que será o elemento de cohesión dos diferentes proxectos locais, arraigados no territorio pero con ansias comúns compartidas como a “democratización da vida política”, a “defensa do medio ambiente e loita contra a mudanza climática” ou un “compromiso feminista e pola igualdade”.

Agora Galicia dotarase para os vindeiros comicios locais da fórmula Coalición, que permite a autonomía local, co mantemento das siglas locais e o establecemento de alianzas a nivel local ou comarcal, ao tempo que suma votos cara as Deputacións.

A coalición está aberta a espazos locais que, non tendo personalidade xurídica, queiran presentarse amparados por esta fórmula, sen perderen autonomía.

O órgano de coordinación da coalición será o mesmo que o de Agora Galicia, integrado por dúas persoas da cada candidatura local.

Asemade, Agora Galicia aprobou un documento político de análise da coxuntura política, pondo acento na preocupante vaga reaccionaria global, o militarismo e a mudanza climática, panorama fronte ao que Agora Galicia se presenta como rede cidadá e veciñal que non só confronta as ameazas senón que propón alternativas.

Agora Galicia constitúese como rede de apoio dos proxectos municipalistas – con xornadas formativas e apoio en asesoramento legal -, tanto de sostén dos grupos que son oposición e alternativa á dereita como daqueles que gobernan, como Vilardevós-IGV ou Somos Cambados, representados no acto por Tamara Balboa, alcaldesa de Vilardevós, e Noelia Gómez, Concelleira de Deportes de Cambados.

O acto serviu tamén para dar empuxe a novos proxectos que agromarán en distintos municipios no 2027.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *