Categorías
Galicia

Agora Galicia rexeita a moción de censura de Lugo

Agora Galicia rexeita a moción de censura de Lugo, que é un episodio máis da estratexia global do PP para facerse con gobernos en Concellos onde non acadou a maioría nas urnas, a través de pactos con tránsfugas.

O PP utiliza a Xunta para torcer as maiorías saídas das Eleccións, comprando vontades con fondos de todas e todos, ao xeito caciquil de sempre, mais tamén o PSOE ten vendido a idea, desde a Deputación, de que os investimentos son por causa dos seus concelleiros nunha concepción caciquil e decimonónica das institucións.

As diferentes mocións de censura auspiciadas polo PP nos concellos nesta segunda metade de mandato municipal teñen en común dous vellos discursos: o dunha suposta inmobilidade e incapacidade para obter fondos da Xunta do goberno derrocado e o da promesa de achegar investimentos da Xunta nesas localidades, é dicir naturalízanse as prácticas clientelares e caciquís como se os cartos saísen dos partidos e non dos impostos e actuando en boa medida como “partido único”.

Neste sentido, Touro foi un dos primeiros gobernos en caer, tamén con falsas promesas e apoiándose nun tránsfuga sen que o resto das forzas situadas á esquerda, agora damnificadas tivesen un comportamento tan contundente como o que agora se observa. A motivación é sempre a mesma: torcer a vontade popular con caciquismo e son as agrupacións independentes ás que máis mocións de censura sofren nunha larvada solidariedade partitocrática.

Resulta inaceptable que o PP pretenda cambiar votos por investimentos da Xunta que xa deberían estar en marcha nos Concellos, amosando unha actitude de corrupción institucional, usando os cartos de todas e todos, da Xunta, en beneficio do seu partido. No caso de Lugo, pretendendo usar, ademais, unha convocatoria de emprego público ad hoc e impulsando a moción de censura nun contexto onde o Concello pasou pola defunción de varias persoas concelleiras. Na antipolítica e na degradación da democracia o PP sempre atopa a fórmula para chegar máis lonxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *