A Xunta amplía a privatización da loita contra os incendios con 181 novos postos a través de SEAGA
** Agora Galiza denuncia un novo paso na externalización dun servizo esencial e reclama un dispositivo 100 % público e dependente directamente da Xunta de Galiza **
6 de maio de 2026
A Xunta de Galiza vén de comunicar a creación dun novo dispositivo de reforzo contra incendios para o verán de 2026 a través de SEAGA, ampliando así a privatización dun servizo esencial como é a prevención e extinción de incendios forestais. O operativo contempla a contratación de 181 persoas durante 90 días, distribuídas en 42 brigadas por todo o país, segundo figura na documentación interna do dispositivo de reforzo de incendios de 2026.
Desde Agora Galiza denuncian que esta decisión consolida un modelo baseado na externalización progresiva da loita contra os incendios forestais, malia tratarse dunha competencia estratéxica e directamente relacionada coa seguridade pública e a protección do territorio.
A formación lembra que a Xunta xa ten privatizada unha parte importante das brigadas helitransportadas e diversos postos técnicos e de coordinación, como o persoal emisorista do Posto de Mando Avanzado. Agora, coa creación deste novo dispositivo a través de SEAGA, dáse “un novo salto na precarización e fragmentación do servizo público”, afirma Antom Fente.
O documento coñecido estes días recolle que o operativo contará con:
* 42 brigadas de prevención e defensa contra incendios
* 4 técnicos/as medios/as
* 9 capataces
* un total de 181 efectivos
As brigadas estarán distribuídas polas catro provincias, con especial concentración en Ourense, onde se prevén 21 brigadas. O persoal será contratado mediante contratos temporais “por circunstancias da produción”, segundo o artigo 15 do Estatuto dos Traballadores.
Desde Agora Galiza critican tamén a “pasividade dunha parte importante das organizacións sindicais e dos partidos políticos” diante dunha política que consideran orientada a “desmantelar progresivamente un servizo público esencial”, a pesar das funestas consecuencias que ten onde se ten implementado.
“A prevención e extinción de incendios non pode depender dunha maraña de empresas públicas instrumentais, contratas e persoal temporal. A Galiza precisa dun servizo plenamente público, estábel, profesionalizado e dependente directamente da Xunta”, sinalan desde a organización.
A formación reclama:
* a integración de todo o operativo baixo xestión pública directa,
* a creación de emprego estábel e estrutural,
* o reforzo da prevención durante todo o ano,
* e o abandono definitivo do modelo de externalización impulsado polos sucesivos gobernos do PP.
Finalmente, advirten de que os incendios forestais “non poden seguir sendo tratados como unha campaña estacional”, senón como unha emerxencia estrutural ligada ao abandono do rural, á falta de ordenación do territorio, á política forestal e á crise climática.
Agora Galicia
Confederación de proxectos municipalistas galegos.
