Categorías
Galicia

Fin de ciclo e urxencia da unidade contra a reacción

As eleccións andaluzas deste mes de maio marcan o fin dun ciclo electoral que condicionará as vindeiras Eleccións Xerais e tamén, queirámolo ou non, as municipais. Un ciclo que ten ido da man dos diferentes casos e xuízos que tornan palmaria a sistemática corrupción que o bipartidismo de PP e PSOE practica nas institucións e que reforzan a necesidade de política de base feita desde a viciñanza.

O PP non suma sen VOX nin representa ningún tipo de dereita democrática: VOX e PP son dúas caras da internacional reaccionaria e gobernarán, se teñen ampla maioría, impondo a axenda ultra (mesmo modificando a Constitución nun sentido regresivo e reaccionario) e beneficiando ás grandes fortunas e elites para as que traballan en detrimento da clase traballadora e dos servizos públicos, como a sanidade e o ensino e de prestacións como as pensións públicas.

O PSOE retrocede, aínda resistindo, e non é quen de representar as arelas da esquerda social (malia o bo papel internacional do Sánchez, do lado do progresismo e os Dereitos Humanos), cuestión que tampouco acada a esquerda estatal, polo fracaso en áreas como a Vivenda e polo fetichismo das siglas que imposibilita a construción de frontes únicas asentadas no programa e construídas desde abaixo e non desde os aparatos. Sen repolitizar a sociedade e sen mobilizar con ilusión o electorado da esquerda a batalla non se pode gañar para o que cómpren medidas valentes de defensa da maioría social: fronte aos privilexios, direitos; fronte ás direitas, direitos.

En cambio, forzas soberanistas e nidiamente de esquerda ascenden e consolídanse, especialmente as claramente enraizadas na comunidade, tamén no eido local como temos demostrado onde temos presenza. No entanto, é de lamentar que no espazo municipal as forzas situadas á esquerda que enchen a boca falando de voto útil noutros comicios teñan decidido desbotar calquera compromiso de unidade para favorecer gobernos transformadores ou actúen directamente atacando as candidaturas integradas en Agora Galicia.

Podemos ir a un esceario de reforzo da ultradereita ou de retorno a un bipartidismo clásico ao servizo das elites, ao xeito do que sucedeu na Gran Crise de 2008, co sanchismo desbaratado polas dinámicas xudiciais.

A imputación de Zapatero, neste sentido, pode ser chave na fin da era Sánchez. Dende Agora Galicia, aínda que vemos que non hai evidencias contra o ex-presidente e aínda que recoñecemos os elementos de lawfare en distintos casos levados adiante contra a contorna do goberno, tamén nos semella que existen indicios de actividades delitivas e, sobre todo, non podemos amparar que o destino dos ex presidentes sexa o lobbismo. Agardaremos a que se resolva o proceso xudicial, instando a que sexa rápido e non un xuízo que se dilate no tempo tanto que, aínda que o resultado sexa unha absolución, o dano xa estará feito. E, do mesmo xeito, os casos de corrupción en curso que afectan a PP e PSOE deberían ser exemplarizantes e constituírse unha axencia que fiscalizase con maior regularidade e contundencia a xestión municipal e autonómica, nomeadamente a concesión da obra pública.

Tamén dicimos con toda a contundencia que os ex presidentes González, Aznar e Rajoy deberan ter sidos xulgados por delitos máis graves, como terrorismo de Estado, crimes de guerra e utilización dos medios do Estado contra rivais políticos.

En todo caso, o bipartidismo non é a nosa tarefa, senón que debemos pór en pé a alternativa democrática á deriva reaccionaria, nun contexto internacional de imperialismo e crises ensarilladas do capitalismo, tamén a climática.

Dende Agora Galicia levamos tempo analizando que o que se xoga nas eleccións Xerais é manter as conquistas históricas da clase traballadora: pensións; sanidade e educación públicas; dereitos sociais, laborais e ambientais; recoñecemento da plurinacionalidade (aínda incompleta) ou, por deternos nalgún lugar, construción dunha Europa das persoas e dos pobos.

Así, a unidade democrática torna fundamental para acadar unha maioría nas Cortes Xerais que evite un goberno reaccionario e que permita ter forza para pular por políticas valentes en materia de vivenda, enerxía, transporte, banca pública e reverter a desigualdade e o cambio climático.

Neste sentido, a unidade non énin apostar por unha forza que unilateralmente se erixa co monopolioda esquerda nin tampouco unha sopa de siglas e listas electorais feitas a toda présa ao redor de figuras mediáticas, senón un espazo de debate e cooperación a todos os niveis e un programa común que poña o foco no que importa: a riqueza ao servizo da maioría e non para financiar a voráxine dos magnates que levan o mundo ao colapso climático, social e bélico. E si, tamén un exercicio de táctica e estratexia electoral que maximice os votos, tendo en conta as dinámicas as provincias pequenas, pero que son chave.

As Eleccións Municipais de 2027 son fundamentais para asentar proxectos dende a comunidade que resistan o avance do fascismo social. Proxectos nidiamente de esquerda, radicalmente democráticos e, por iso mesmo, transversais, que apelen á maioría da veciñanza e sexan diques contra o retroceso democrático. Só dende o traballo de base se pode reconstruír unha maioría popular con cultura e emocións compartidas, un proceso que ilusione e non apenas que resista.Só asi se mobiliza a abstención, chave do resultado electoral neste momento.

Agora Galicia ten todas as forzas postas nas Eleccións Locais, mais é inevitábel que estes comicios sexan tamén lidos en chave das Eleccións Xerais, coincidan ou non na data de convocatoria.

Por iso, dende Agora Galicia consideramos que nas Eleccións Xerais se debe promover unha fronte galega única, é dicir, un espazo amplo, con personalidade xurídica propia, que abranga, con xenerosidade, a todas as forzas políticas e sociais que estean polo labor de afondar na democracia, os avances sociais, os dereitos dos pobos e a resistencia ante a onda reaccionaria global.

Nese sentido, as municipais non poden ser un mero trámite nin un espazo de pugna intra-esquerda, porque é na base onde se constrúe a unidade.

Nós sempre estaremos no diálogo e na formulación de propostas democráticas o máis abranguentes posíbel en todos os niveis. E seguiremos nas nosas localidades facendo comunidade e construíndo futuro, pase o que pase no 2027.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *