Categorías
eleccións Galicia

Tempo de loita social, tempo de fronte ampla galega. A boa xente somos maioría.

Dicíamos en maio, tras as Eleccións Andaluzas, que “sen repolitizar a sociedade e sen mobilizar con ilusión o electorado da esquerda a batalla non se pode gañar, polo que cómpren medidas valentes de defensa da maioría social: fronte aos privilexios, direitos; fronte ás direitas, direitos.” No entanto, esas medidas precisas non chegaron a tempo e apenas, cando a lexislatura se esgotaba e a esquerda social na rúa presiona Moncloa, moveu ficha un PSOE sempre a remolque das necesarias propostas sociais e salpicado xunto ao PP por escándalos de corrupción que tornan palmaria a sistemática corrupción que o bipartidismo de PP e PSOE practica nas institucións e que reforzan a necesidade de política de base feita desde a viciñanza..

O desafiuzamento de Mari Carmen en Madrid da vivienda de toda a súa vida prendeu a mecha da explosión da mobilización social a prol do dereito á vivienda, asentada en anos de loita social contra a especulación.

A presión social na rúa mudou o ambiente político, cambiou as prioridades e a conversa pública, moveu ás forzas políticas no Congreso e abriu unha etapa nova de, por unha parte, plebiscito electoral –fundamentalmente sobre a vivenda, mais tamén sobre salarios e pensións que acompañen a inflación ou sobre a articulación plurinacional do Estado–, por outra, de continuidade da mobilización social na defensa dos dereitos da maioría.

Rexeitar uns decretos sobre vivenda que unicamente conteñen medidas básicas de protección social é exemplo de como a dereita – de toda condición – é quen de antepor o negocio sobre as vidas da xente, se ben o Goberno tamén é responsábel por non ter negociado e traballado durante 8 anos en decretos máis elaborados e xuridicamente máis claros, que, por exemplo, desliguen claramente grandes tedores de pequenos propietarios ou propiedades urbanas de propiedades rurais.

Sexa como for, trátase de estar coa civilización e cos Dereitos Humanos; de elixir entre a decencia e a dignidade, entre o dereito a unha vida plena das máis fronte a avaricia dos menos e, por que non, de materializar dunha vez o dereito constitucional á vivenda e a función social da propiedade que impidan que o rendismo e a extracción de rendas do traballo crien unha sociedade irremediabelmente rota e dual. A Galiza do campesiñado, que apenas podía emigrar ou traballar de sol a sol para milvivir, e dos señoritos non queremos que volva na súa fasquía 2.0 con IA, turistas e fondos de investimento.

Dende Agora Galicia levamos tempo analizando que o que se xoga nas eleccións Xerais é manter as conquistas históricas da clase traballadora: pensións; sanidade e educación públicas; dereitos sociais, laborais e ambientais; recoñecemento da plurinacionalidade (aínda incompleta) ou, por deternos nalgún lugar, construción dunha Europa das persoas e dos pobos. Resistir, recompornos, dialogar para logo avanzarmos.

Así, a unidade democrática torna fundamental para acadar unha maioría nas Cortes Xerais que evite un goberno reaccionario e que permita ter forza para pular por políticas valentes en materia de vivenda, enerxía, transporte, banca pública e reverter a desigualdade e o cambio climático. Unidade democrática que precisa de altura de miras e xenerosidade, dunha banda, e de programa e concreción desde a base, doutra.

O perentorio é procurar e implementar alternativas nos nosos territorios coa vista posta na transformación e no longo prazo. Medidas valentes e institucións ao servizo da maioría social e non das oligarquías e dos fondos de investimento. Hoxe, coma onte, a Terra e a vivenda para quen a traballa.

Apenas desta forma entende Agora Galicia que é posíbel coser a fractura absoluta entre representantes e representados, que se ten traducido nunha crise política e institucional que erosiona os fundamentos democráticos e dá asas, paradoxalmente, á extrema direita e á direita extrema cuxo programa aporofóbico e ultraliberal tamén suporía graves ameazas para os nosos territorios e acelerar o abandono do medio rural. O programa do PP e de Vox para o campo é claro: baleiralo para entregarllo a prezo de saldo a fondos de investimento e multinacionais, alimentando de paso a corrupción e o clientelismo, que os mantén no poder como redes paramafiosas de poder e troca de favores.

O PP non suma sen VOX nin representa ningún tipo de dereita democrática: VOX e PP son dúas caras da internacional reaccionaria e gobernarán, se teñen ampla maioría, impondo a axenda ultra (mesmo modificando a Constitución nun sentido regresivo e reaccionario, se acadan forza suficiente) e beneficiando ás grandes fortunas e elites para as que traballan en detrimento da clase traballadora e dos servizos públicos, como a sanidade e o ensino e de prestacións como as pensións públicas.

Porén, fronte á NECROPOLÍTICA, é a nosa responsabilidade histórica deseñar unha POLÍTICA PARA O MAÑÁ que erga diques e alternativas fronte as devastadoras desigualdades sociais, territoriais e de xénero. Tamén para opornos ao crecente racismo e á explotación dos migrantes. Na Galiza e nas súas parroquias, como dicía Castelao, «hai sitios para todos» se non pomos chatas á obra antes de comezar e «toda a Terra é dos homes» e das mulleres, como lembraba Rosalía no poema “¡Pra a Habana!” para termos con Curros un maio «sen usuras nen preitos, sen quintas, nen portas, nen foros, nen cregos…».

Neste sentido, a unidade non é nin apostar por unha forza que, unilateralmente, se erixa co monopolio da esquerda, nin tampouco unha sopa de siglas e listaxes electorais feitas a toda présa ao redor de figuras mediáticas, mais un espazo de debate e cooperación a todos os niveis e un programa común que poña o foco no que importa: a riqueza ao servizo da maioría e non para financiar a voráxine dos magnates que levan o mundo ao colapso climático, social e bélico. E si, tamén un exercicio de táctica e estratexia electoral que maximice os votos, tendo en conta as dinámicas as provincias pequenas, pero que son chave.

As Eleccións Municipais de 2027 son fundamentais para asentar proxectos dende a comunidade que resistan o avance do fascismo social. Proxectos nidiamente de esquerda, radicalmente democráticos e, por iso mesmo, transversais, que apelen á maioría da veciñanza e sexan diques contra o retroceso democrático. Só dende o traballo de base se pode reconstruír unha maioría popular con cultura e emocións compartidas, un proceso que ilusione e non apenas que resista. Só asi se mobiliza a abstención, chave do resultado electoral neste momento. Reconstruír a comunidade para gañar o futuro.

Agora Galicia ten todas as forzas postas nas Eleccións Locais, mais é inevitábel que estes comicios sexan tamén lidos en chave das Eleccións Xerais, coincidan ou non na data de convocatoria, pois ninguén é unha illa.

Por iso, dende Agora Galicia consideramos que nas Eleccións Xerais se debe promover unha fronte galega única, é dicir, un espazo amplo, con personalidade xurídica propia, que abranga, con xenerosidade, a todas as forzas políticas e sociais que estean polo labor de afondar na democracia, os avances sociais, os dereitos dos pobos e a resistencia ante a onda reaccionaria global.

Nós sempre estaremos no diálogo e na formulación de propostas democráticas o máis abranguentes posíbeis en todos os niveis. E seguiremos nas nosas localidades facendo comunidade e construíndo futuro, pase o que pase no 2027.

2 de outubro de 2026.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *