Categorías
municipios prensa

Agora Galicia denuncia a ofensiva do PP para mudar o mandato das urnas mediante mocións de censura con tránsfugas

Dende Agora Galicia, que aglutina candidaturas veciñais independentes de todo o País, denunciamos a estratexia global do PP para facerse con gobernos en Concellos onde non acadou a maioría nas urnas, a través de pactos con tránsfugas. Estas prácticas do PP repítense en diferentes concellos galegos, onde a dereita non acadou o goberno nas urnas e agora tenta acceder a el sen pasar por eleccións, manipulando as regras do xogo con total descaro.

Dende Agora Galicia temos claro que «Non estamos só ante un episodio local illado, senón ante unha estratexia organizada do Partido Popular para dar a volta ao resultado das eleccións municipais usando tránsfugas e pactos escuros. Esta manobra, ademais de inaceptable en termos democráticos, beneficia intereses empresariais moi concretos e totalmente contrarios ao ben común da veciñanza».

Un claro exemplo témolo no caso de Touro, onde o PP pretende recuperar a alcaldía sumando os votos dun concelleiro non adscrito, que xa abandonou o seu grupo de orixe, nun acordo que concede a este edil a Presidencia dunha futurible Comisión de Medio Ambiente e a dirección da política do Concello en relación á mina.

Dende Agora Galicia recoñecemos a labor do actual goberno municipal de Touro, encabezado polo Movemento Veciñal, e nomeadamente polo Alcalde Roberto Castro, tanto na súa xestión municipal con importantes melloras e investimentos en moi pouco tempo, como na súa loita contra a mina, presentando no seu momento un informe técnico cun posicionamento claro, como administración afectada, a un proxecto de reapertura con graves deficiencias ambientais e técnicas. A entrada do PP no goberno de Touro suporá que a Alcaldía volva situarse a favor do megaproxecto mineiro e do lado da política industrial da Xunta, e compre remarcar que non resulta en absoluto relevante que exista unha Comisión de Medio Ambiente , por carecer de competencias executivas.

Por outra parte, as diferentes mocións de censura auspiciadas polo PP nos Concellos nesta segunda metade de mandato municipal teñen en común dous vellos discursos: o dunha suposta inmobilidade e incapacidade para obter fondos da Xunta do goberno derrocado e o da promesa de achegar investimentos da Xunta nesas localidades – como acontece en Touro a respecto de investimentos de Augas de Galicia ou como se promete en Forcarei ou Fisterra, ou como xa sucedeu en Outes-. No primeiro, compre remarcar que na maior parte dos casos a realidade desminte ese discurso que fala de gobernos inmobilistas ou que por non ser do PP non reciben axudas. Por non saírnos de Touro, o actual goberno logrou e xestionou en dous anos máis investimentos da Xunta e doutras administracións que calquera dos gobernos anteriores do Partido Popular.

Sobre a promesa de investimentos “a dedo”, compre falar claro, pois é cerna do caciquismo: facer públicos ese tipo de acordos baseados en destinar cartos de maneira “prioritaria” ou prometeren, por exemplo, desenvolver proxectos que levan anos paralizados, supón admitir abertamente que o PP usa a Xunta de xeito partidista e non atendendo ao ben común da veciñanza, incluída a que lles vota nas Eleccións Municipais, e que usa os recursos económicos públicos de xeito totalmente interesado, beneficiando pero tamén castigando. «Con esas promesas enriba da mesa resulta inaceptable que o PP pretenda cambiar votos por investimentos da Xunta que xa deberían estar en marcha nos Concellos, amosando unha actitude de corrupción institucional, usando os cartos de todas e todos, da Xunta, en beneficio do seu partido. É mais, este tipo de declaracións nunha democracia deberían ser obxecto de seguimento por parte da Fiscalía». Pero, ademais, cómpre salientar que, aínda que o PP ten un trato diferenciado cos gobernos que non son da súa cor, a realidade é que na maior parte dos casos as promesas de investimentos como as que se están realizando en Touro nunca chegan.

Asemade, lamentamos que nun momento de auxe da ultradereita a nivel internacional, e coa situación que temos no Estado español, onde o PP se suma con total descaro ás teses máis reaccionarias desa ultradereita, se faciliten gobernos do PP nos Concellos onde non acadou a maioría suficiente, un tremendo erro que nos pon como sociedade aos pés dos cabalos e que tamén deixa claro que os supostos principios ideolóxicos dalgunhas persoas que acceden á política son bastante discutibles: «Todas as forzas democráticas e toda as persoas con sentir democrático debemos ter claro que non podemos deixar avanzar a ultradereita nos nosos Concellos, pois mina a convivencia e supón sufrimento para a poboación, especialmente para colectivos vulnerables».

E, dende logo, que o PP utilice de ariete tránsfugas con intereses personalistas, aproveitando a nova situación provocada por unha recente mudanza na Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, que permite o que até agora non, isto é, que prosperen mocións de censura co voto decisivo dun Concelleiro ou Concelleira tránsfuga, e, en todos os casos, sen ter unha xustificación minimamente razoable, parécenos totalmente inaceptable.

Dende Agora Galicia defendemos ás forzas veciñais e apoiamos á cidadanía organizada fronte aos grandes aparatos de partidos que, coma o PP, serven aos seus intereses particulares e non aos do conxunto da cidadanía. Defendemos que as forzas de carácter municipalista, ancoradas aos nosos concellos, vilas e parroquias e que pomos, como demostramos cada día, á veciñanza como centro da xestión política, somos os redutos dende os que construír unha nova realidade política, cimentada nuns correctos funcionamentos democráticos e coa mellora da vida da cidadanía, nas súas variadas realidades, como obxectivo único.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *