Agora Galicia: un espazo municipalista galego.

O noso país encóntrase ancorado entre as maiorías absolutas do PP e dous bloques moi igualados no eixo esquerda-dereita que apenas se rozan, o que eiva as posibilidades de ameazar a hexemonía do PP no país.
Amais, as grandes organizacións partidarias teñen demostrado ser hostís de diferentes maneiras aos proxectos municipalistas e complican a emerxencia doutra política desde, por e para a veciñanza.
Consideramos que é necesario reverter esta situación, xa que nos atopamos nun contexto de crises ensarilladas onde a emerxencia climática, a internacional reaccionaria contra, especialmente, os dereitos das mulleres, a xeopolítica do imperialismo, o galopante espolio territorial (con Altri como maior expoñente), a crecente desigualdade social, dende a precariedade laboral á falta de vivenda accesible, o caciquismo ou a demotanasia golpean con forza os nosos terrirorios.
Temos o firme convencemento de que outra política e outro futuro para Galicia son posibles e necesarios, configurando unha ferramenta cidadá e transversal que sente as bases da transformación, sen hipotecarnos nas lóxicas partidarias de sempre que levan á desafección política. Por iso, tivemos un primeiro encontro de traballo o 12 de abril de 2023 en Sober e queremos agora, o 15 de marzo en Monforte, pórlle o motor á iniciativa.
As candidaturas cidadás galegas asistentes rubricamos o presente documento e acordamos impulsar un proceso de confederación de proxectos locais galegos afíns, sobre a base da democracia, a irmandade e a igualdade, os dereitos sociais e medioambientais e a autonomía das asembleas locais no seu ámbito de actuación, para conseguir os seguintes obxectivos, a medio e longo prazo:
1. Artellar unha rede ou confederación de proxectos municipalistas asentados no territorio e no tecido social de base para que eses milleiros de votos e ducias de concelleiros/as sen un proxecto a nivel galego poidan atopar un espazo común no que sentirse representados e escoitados.
2. Coordinármonos cara ás Eleccións Locais de 2027 para optimizar recursos e concentrar votos cara ás Deputacións: é posible aumentar a pluralidade política e a transparencia nas catro deputacións podendo, deste modo, levar alí as problemáticas que sofren os nosos concellos no día a día e son da súa competencia.
Este é un chamado á cooperación dos proxectos de base e aos movementos da cidadanía para, desde os concellos, construír unha ferramenta plural ao servizo do país, partindo da base de que só coa expansión do espazo político galego é posible un cambio de rumbo en Galicia aumentando a pluralidade política e o entendemento entre as forzas transformadoras e para mobilizar abstencionistas, xente descontenta co escenario político actual de crecente desafección, e a convencer votantes doutras forzas de que hai unha alternativa galega construída por veciñas e veciños sen dogmatismos nin hipotecas.
Temos mirada e horizonte propio, pero coas xanelas abertas ao diálogo co fin de chegar a puntos de encontro coas forzas políticas e sociais e, sobre todo, co conxunto do tecido social de base e coa cidadanía do noso país acompañando as súas arelas e necesidades e loitando por defender os servizos sociais e por un futuro mellor para Galicia.
Polo exposto anteriormente, lanzamos este proceso de cooperación e diálogo, que se concretará nun novo encontro, fixando xa como horizonte a constitución formal deste espazo político galego e nomeando unha comisión constituínte a tal efecto entre as candidaturas que subscriban o manifesto. Dende a humildade e o traballo, paso a paso, buscando unha alternativa para o noso país.
Terra a nosa!
Manifesto en pdf.